Variables e tipos de datos

De MediaWiki
Saltar a: navegación, buscar

Unha parte fundamental do que farán os creadores de programas será manipular a información almacenada na memoria principal que servirá para producir os resultados que se precisan para a solución buscada.

As linguaxes de programación de alto nivel introduciron o concepto de variable como un xeito de facilitar aos programadores esa manipulación dos datos.

A memoria principal non é máis que unha sucesión de espazos ou celas nas que poder almacenar números simples. Para poder acceder a unha porción da memoria hai que coñecer a súa dirección, é dicir, a súa posición dentro do conxunto. Para non obrigar aos programadores a traballar con esas direccións numéricas, as linguaxes de programación permiten definir nomes que se corresponden cun espazo de memoria no que se almacena información. Utilizando ese nome será posible recuperar ou modificar o valor correspondente.

Por tanto, definiremos unha variable como un nome declarado nun programa, que identifica a un subconxunto de celas de almacenamento da memoria principal e que almacena un valor útil para progresar cara á solución requirida.

Cando definimos unha variable dentro dun programa, será de especial utilidade indicar cal é o tipo de dato que temos intención de almacenar baixo ese nome. Non é o mesmo almacenar un número enteiro, que un número con decimais ou un texto.

Indicando o tipo de dato dunha variable faise posible calcular canto espazo de memoria se vai destinar a almacenar o seu valor. Ademais, se estamos usando un compilador para traducir o programa a código máquina, será posible detectar os posibles erros de utilización das variables.

Na linguaxe Java podemos declarar variables de oito diferentes tipos de datos básicos ou primitivos: byte, short, int, long, float, double, boolean e char.