O plan de sustentabilidade
Sumario
- 1 A importancia do plan de sustentabilidade
- 2 A estratexia empresarial
- 3 A elaboración do plan de sustentabilidade
- 3.1 O compromiso da Dirección
- 3.2 Análise de diagnóstico inicial
- 3.3 Analise dos grupos de interese ou stakeholders
- 3.4 Pasos na análise dos grupos de interese
- 3.5 Análise de materialidade
- 3.6 Definir obxectivos e metas de sustentabilidade
- 3.7 Asignar responsabilidades
- 3.8 Establecer os indicadores de desempeño
- 3.9 Seguimento, avaliación e mellora
- 3.10 Comunicar e integrar o plan
- 4 Resumo
A importancia do plan de sustentabilidade
Unha vez que as empresas e os profesionais identificaron correctamente os aspectos ambientais, sociais e de gobernanza relativos á sustentabilidade e coñecen os distintos obxectivos de desenvolvemento sostible nos que poden aplicar medidas concretas, deben realizar un plan de sustentabilidade no que van plasmar, entre outros, os obxectivos a alcanzar, os indicadores clave ou o seguimento do propio plan de sustentabilidade. O plan de sustentabilidade será elaborado pola propia organización ou por algunha empresa ou profesional especialista en sustentabilidade e xirará en torno aos eixes principais ASG (Ambientais, Sociais e de Gobernanza).
Exemplo A importancia de definir e implementar un plan de sustentabilidade radica no compromiso real e efectivo de converter a organización empresarial nunha empresa sostible e, deste xeito, garantir un impacto positivo no ámbito ambiental, social e de gobernanza.
As solucións achegadas polo plan de sustentabilidade poden estar relacionadas coa eficiencia enerxética, a xestión dos residuos, a redución da pegada de carbono ou a diminución das emisións de gases de efecto invernadoiro.
O plan de sustentabilidade e os seus beneficios
O plan de sustentabilidade defínese como unha guía na que se establecen uns obxectivos que deben ser claros e concretos, así como medibles e realistas, co propósito de mellorar a sustentabilidade da organización empresarial.
A través do plan de sustentabilidade establécese unha estratexia encamiñada a lograr a consecución, dun xeito ordenado, dos obxectivos de desenvolvemento sostible na empresa, achegando solucións ás principais carencias e problemas da organización.
Desenvolver un plan de sustentabilidade realista e viable, pero robusto, vai traer á organización empresarial unha serie de beneficios:
- Un aumento da competitividade a medio e longo prazo pola concienciación social e ambiental que teñen actualmente os consumidores e o conseguinte rexeitamento ás empresas que non desenvolven políticas sostibles.
- Redución dos custos operativos a medio e longo prazo, debido, entre outros motivos, á optimización dos recursos, a redución de residuos e a eficiencia enerxética.
- Mellora da imaxe corporativa e o aumento do prestixio para clientes, consumidores e provedores.
Normativa básica aplicable
A empresa ten liberdade para adoptar as súas propias decisións na elaboración do plan de sustentabilidade, sen perder de vista que a empresa está encadrada nun determinado sector e que debe ter en conta as seguintes normas de obrigado cumprimento:
- Lei de Cooperación para o Desenvolvemento Sostible e a Solidariedade Global
- Aprobada en febreiro de 2025, aposta por fomentar o desenvolvemento sostible, a cooperación internacional e o multilateralismo, abordando, entre outras, as seguintes cuestións:
- Fomentar a loita contra a pobreza e a desigualdade.
- Promover a xustiza social e a loita contra a fame.
- Alcanzar a igualdade de xénero desde un enfoque interseccional.
- Protexer o planeta e o medio ambiente.
- Lei de Economía Sostible
- Aprobada en marzo de 2011, involucra ás empresas na loita contra o cambio climático, así como a renovación do tecido produtivo, abordando, entre outras, as seguintes cuestións:
- Incrementar o investimento en investigación, desenvolvemento e innovación.
- Fomentar as actividades relacionadas coas enerxías limpas e o aforro enerxético.
- Buscar a sustentabilidade económica, ambiental e social.
A estratexia empresarial
Ao elaborar e poñer en marcha un plan de sustentabilidade, a organización empresarial pretende reflectir e desenvolver unhas prácticas empresariais que equilibren os aspectos económicos, sociais e ambientais das súas operacións e relacións co entorno, nun marco de compromiso e gobernanza ética.
O plan de sustentabilidade implica, polo tanto, a integración de mecanismos empresariais sostibles na estratexia e nos comportamentos da empresa na procura dun impacto a longo prazo, non só para a súa propia organización, senón para a sociedade no seu conxunto.
As dimensións clave do plan de sustentabilidade
Máis alá dos obxectivos específicos establecidos no plan de sustentabilidade, existen unha serie de propósitos comúns asociados ás dimensións da empresa, que estas sempre terán presentes.
- Dimensión económica
- A empresa xera valor económico e opera de xeito rendible e beneficioso para os seus intereses.
- A xestión financeira e operativa debe ser eficiente e os ingresos deben obterse de maneira ética.
- Dimensión social
- A empresa é consciente do impacto das súas operacións no seu entorno máis próximo e no resto de grupos de interese.
- Debe prestar especial atención á equidade laboral, á diversidade e á seguridade e benestar dos seus traballadores.
- Dimensión ambiental
- As accións que se realizan teñen un impacto ambiental, e este debe minimizarse ao máximo.
- A xestión responsable dos recursos naturais, así como a redución de gases e a xestión de residuos, deben ser prácticas habituais.
- Dimensión de gobernanza
- As organizacións empresariais deben incluír no plan de sustentabilidade un catálogo de boas prácticas e de goberno.
- Debe fomentarse a transparencia, a ética e a rendición de contas, implicando, entre outros, os accionistas.
O plan de sustentabilidade non trata exclusivamente de cumprir coas regulacións nas dimensións económica, social, ambiental e de gobernanza, senón que se precisa adoptar un enfoque proactivo para abordar os desafíos globais.
A aposta pola sustentabilidade é, por tanto, unha estratexia global a longo prazo, cun liderado altamente comprometido e unha participación activa en todos os niveis organizativos.
ACTIVIDADE. O teu sector profesional: propósito a alcanzar Analiza a familia profesional e o ciclo formativo que estás a estudar, e enumera un propósito que consideres imprescindible alcanzar dentro de cada unha das dimensións estudadas: económica, social, ambiental e de gobernanza.
A elaboración do plan de sustentabilidade
Á hora de abordar a elaboración do plan de sustentabilidade, as organizacións empresariais poden seguir uns pasos, que, aínda que non están pechados, poden considerarse e adecuarse para todo tipo de empresas e profesionais de distintos ámbitos e sectores:
- Obter un compromiso da Dirección.
- Realizar unha análise de diagnóstico inicial.
- Analizar os grupos de interese ou stakeholders.
- Realizar unha análise de materialidade.
- Definir obxectivos e metas de sustentabilidade.
- Asignar responsabilidades.
- Establecer os indicadores de desempeño.
- Fixar mecanismos de seguimento, avaliación e mellora.
- Comunicar o plan e integralo na cultura empresarial.
- Plan de sustentabilidade
ACTIVIDADE. Imaxina que se queren implantar no teu grupo de clase algunhas medidas que conduzan ao cumprimento dos ODS. Responde aos seguintes interrogantes relacionados coas fases necesarias para a elaboración dun plan de sustentabilidade para logralo. A) Problemas detectados e posibles solucións B) Intereses dos stakeholders C) Obxectivos e metas a alcanzar D) Responsables na resolución da problemática
O compromiso da Dirección
O primeiro paso para poder elaborar e implantar o plan de sustentabilidade en calquera organización empresarial é contar co apoio e a implicación dos seus equipos directivos.
A sustentabilidade, polo tanto, debe estar respaldada pola Dirección da empresa, implicando de forma activa as persoas que a dirixen, mediante a comprensión e o respaldo da importancia da sustentabilidade na estratexia xeral da empresa.
Exemplo. O CEO da organización empresarial, como parte activa e comprometida co plan de sustentabilidade, debe formarse nas materias asociadas aos ámbitos ambientais, sociais e de gobernanza.
IMPORTANTE. O compromiso da Dirección no plan de sustentabilidade debe alcanzar a todos os estamentos directivos e operativos da empresa.
O compromiso activo por parte dos directivos que se necesita para que se cumpran o resto das fases na elaboración do plan de sustentabilidade abrangue, entre outros, os seguintes aspectos:
- Aliñación coa visión e a misión
- O directivo debe asegurarse de que os obxectivos e metas fixadas no plan de sustentabilidade concordan coa visión, misión e estratexias globais da empresa.
- Establecemento de prioridades
- Os equipos de dirección deben identificar e priorizar as iniciativas de sustentabilidade incluídas nos plans.
- Definición de roles e responsabilidades
- Á hora de asignar responsabilidades nos organigramas empresariais, os directivos deben establecer os equipos encargados especificamente da implementación do plan de sustentabilidade na empresa.
- Capacitación continua
- Proporcionar ao resto de empregados unha formación continua e de calidade en materia de sustentabilidade é unha das misións encomendadas aos directivos da empresa, para que estes estean informados e preparados para executar o plan de sustentabilidade.
- Recoñecementos e incentivos
- Os equipos directivos poden e deben incentivar a adopción das prácticas incluídas dentro do plan de sustentabilidade, e ao mesmo tempo, recoñecer os logros que os empregados, entre outros, alcanzan no seu día a día.
- Integración de tecnoloxía
- A dirección debe apostar pola incorporación e integración de sistemas tecnolóxicos que permitan levar a cabo un seguimento ordenado dos avances alcanzados, principalmente a través de paquetes de software.
- Incorporación de expertos
- Os directivos deben deixarse asesorar e incorporar expertos en sustentabilidade para que se execute correctamente o establecido no plan de sustentabilidade.
INVESTIGA. Que é o greenwashing, ecoimpostura ou ecoblanqueo? Comprobas as etiquetas a hora de mercar? Influencian a túa compra? Confías en produtos orgánicos ou ecolóxicos? Hai algunha lei que prohiba o greenwashing? Pensa algún exemplo de lavado verde.
ACTIVIDADE. Elabora o plan de sustentabilidade dalgunha empresa (preferiblemente tecnolóxica) da comarca.
Análise de diagnóstico inicial
Analise dos grupos de interese ou stakeholders
Pasos na análise dos grupos de interese
Analizar os grupos de interese presentes na empresa é a terceira tarefa que debemos realizar na elaboración do noso plan de sustentabilidade, sendo ademais un paso clave.
PASO 1. Identificar os stakeholders
Nun primeiro momento é necesario enumerar e identificar todos os grupos de interese ou partes interesadas relevantes para a organización empresarial, incluíndo a traballadores, clientes, provedores, investidores, autoridades, grupos de presión, etc. Posteriormente, realízase unha segmentación en diferentes subgrupos.
Exemplo Para categorizar e segmentar aos clientes, podemos subdividilos en internacionais ou nacionais, públicos ou privados, habituais ou esporádicos, etc.
PASO 2. Categorizar os stakeholders e crear a matriz
Clasifícanse segundo o nivel de interese que teñan e demostren activamente na nosa empresa, así como pola súa influencia.
Nivel de Interese Alto Interese Baixo Interese Nivel de Influecia Alto Nivel de Influencia Stakeholders con alto nivel de interese e alto nivel de influencia Stakeholders con baixo nivel de interese e alto nivel de influencia Baixo Nivel de Influencia Stakeholders con alto nivel de interese e baixo nivel de influencia Stakeholders con baixo nivel de interese e baixo nivel de influencia
Análise de materialidade
Despois de realizar a análise inicial e para poder avanzar no desenvolvemento do plan de sustentabilidade, é necesario identificar os temas máis relevantes nas áreas económica, medioambiental e social, e como impactan no modelo de negocio, axudando a aliñar a estratexia de sustentabilidade coas expectativas dos stakeholders.
- O impacto sobre a organización pode ser positivo ou negativo e debe ser relevante e, polo tanto, potencialmente material.
- A análise de materialidade é fundamental á hora de desenvolver unha estratexia de sustentabilidade empresarial efectiva e proporciona unha base sólida para a toma de decisións de todo tipo, poñendo en valor as prioridades e accións a desenvolver.
- Proporciona á organización empresarial un compendio de prioridades no ámbito da sustentabilidade, axudando aos seus directivos a tomar decisións con maior rigor crítico, xestionando os riscos que se van asumir e creando así un valor duradeiro no negocio e para os grupos de interese.
Exemplo INDITEX realizou unha análise de materialidade e, como parte do resultado, elaborou unha matriz de materialidade onde se reflicten os asuntos máis relevantes nos que se concentra para desenvolver e implantar a súa estratexia sostible.