Byobu
Introdución
Byobu é un multiplexador de terminais; é dicir, permite a execución de varias liñas de comandos nunha mesma terminal. Trátase dun frontal de dous dos multiplexadores máis coñecidos, screen e tmux, e permite entre outras cousas:
- Executar varias liñas de comandos na mesma terminal.
- Dividir a ventá en divisións horizontais e verticais (splits).
- Dividir a ventá en pestanas.
- Manexo de sesións.
- Amosa notificacións e información sobre o estado do sistema (uptime, nº e frecuencia de cpus, data, uso de disco, actualizacións, ...).
Se nunca traballastes cun multiplexador e comparades as súas funcionalidades con terminator, podemos crer nun principio que fan cousas semellantes e son iguais. Sí fan algunhas cousas iguais, como a división da pantalla, pero byobu vai máis alá; por exemplo, imaxinade que tedes que conectaros por ssh cun equipo remoto e abrir varias liñas de comandos para traballar nel:
Con terminator poderiamos abrir varias pestanas e en cada unha delas facer ssh; polo tanto, habería varias sesións ssh abertas co equipo remoto:
Conexións con terminator
Fig. Varias conexións ssh con terminator para ter varias liñas de comandos no equipo remoto.
Con byobu abriría unha terminal no equipo local e faría ssh ó equipo remoto; unha vez no equio remoto, executaría byobu para crear unha sesión e abriría varias liñas de comandos. Polo tanto, habería unha única conexión ssh pero aínda maís, eu podo pechar a conexión ssh co equipo remoto e volver a abrila horas máis tarde e recuperar a sesión byobu con todas as liñas de comandos como as deixei cando me fun.
Unha conexión ssh, unha sesión byobu e mútiples liás de comandos
Fig. Unha conexión ssh, unha sesión byobu e mútiples liñas de comandos no equipo remoto
Este funcionalidade é unha das razóns polas que uso byobu cando me conecto ó servidor de exames para traballar cos contedores incus; nunha única conexión ssh, pode abrir varias liñas de comando e controlar os contedores, entrar neles e executar comando con incus exec, ... Doutro xeito, tería que andar abrindo conexións ssh unha e outra vez para facer esto.
Instalación
Byobu xa ven instalado nas versión de Ubuntu Server; de tódolos xeitos, se queremos facer a súa instalación noutra distribución:
sudo apt update sudo apt install byobu
Uso
byobu
O que primeiro vemos é a liña de comandos e na parte inferior a liña de notificacións coa versión, as pestanas, o nº de paquetes a actualizar, uptime, carga, información sobre nº e frecuencia das cpu, tamaño e uso de RAM e hora/data do sistema. Para abrir novas pestanas prememos F2 e para movermos entre elas F3 (anterior) e F4 (seguinte):
Podemos ver como abrimos 4 pestanas e como podemos traballar nunha única conexión ssh con varias liñas de comando á vez (recoméndase ver o vídeo en modo pantalla completa para que a barra de control de reproducción non tape a liña de notificacións de byobu):
Igual que con terminator, podemos dividir horizontal e verticalmente as pantalla e movernos entre as divisións:
- CTRL+F2 --> crea divisións verticais.
- SHIT+F2 --> crea divisións horizontais.
- SHIFT+F3 --> move o cursor á anterior división.
- SHIFT+F4 --> move o cursor á seguinte división.
- SHIFT+ALT+esquerda/dereita/arriba/abaixo --> redimensiona as divisións.
No seguinte vídeo podemos ver un exemplo de como dividir e redimensionar as pantallas para poder traballar á vez con varios splits:
e estamos a traballar nunha sesión con Byobu e pechamos a conexión ssh co equipo remoto, é posible seguir traballando na mesma sesión cando volvamos a acceder ó equipo remoto. Para saír dunha sesión Byobu debemos premer a tecla F6 e para volver a entrar teclear byobu. No seguinte vídeo podemos ver como accedemos por ssh, recuperamos unha sesión byobu anterior, saímos e pechamos a conexión ssh, volvemos a entrar e recuperamos novamente a sesión byobu:
Byobu ten máis opcións que poden consultarse a través da axuda premendo F9:
Relacionado con
Referencias
- Curso G2501013 Escenarios de seguridade en contornas de alta dispoñibilidade e cloud computing cofinanciado polo Fondo Social Europeo: "O FSE inviste en ti", impartido por D. Manuel González Regal, profesor de informática no IES San Clemente de Santiago de Compostela.