AJAX

De MediaWiki
Ir a la navegación Ir a la búsqueda

Ajax (Asynchronous JavaScript and XML) é o nome co que se referencia un conxunto de técnicas utilizadas na creación de aplicacións web para facer que o cliente da aplicación (habitualmente un navegador) poda enviar e recibir datos do servidor sen que iso implique a recarga completa da URL que actualmente se está visitando. Así, as aplicacións van poder intercambiar datos co servidor nun segundo plano, sen interferencias coa presentación ou o comportamento do documento que se está a presentar. Isto permite que o contido do documento poda ser modificado dinamicamente sen que sexa preciso volver a pedilo ao servidor e recargalo.

Non se trata dunha tecnoloxía nova ou diferente, senón dunha utilización alternativa das ferramentas dispoñibles. HTML e CSS utilizaranse para determinar a estrutura e o aspecto do documento. Javascript encargarase tanto de pedir e recibir a información de xeito asíncrono (utilizando o obxecto XMLHttpRequest) como de acceder ao DOM (Document Object Model) se é preciso facer algún cambio no documento actual.

O DOM (Document Object Model) é unha interface independente da plataforma e linguaxe de programación que trata os documentos HTML como unha estrutura de árbore na que cada nodo representa unha parte do documento. Eses nodos poderán ser manipulados dende unha linguaxe de programación e o navegador encargarase de que os cambios se vexan reflectidos na presentación do documento.