Economía verde e circular

De MediaWiki
Ir a la navegación Ir a la búsqueda


Economía verde e circular
Economía verde


Economía lineal

O modelo de produción e consumo que predominou desde a Revolución Industrial ata a actualidade está baseado na economía lineal.

A economía lineal é un sistema no que o proceso de produción e consumo segue un fluxo consistente en extraer os recursos, fabricar os produtos, consumilos e desbotar os residuos cando xa non se utilizan.

O fluxo da economía lineal segue, polo tanto, as seguintes fases:

  1. Extracción: Extráense os recursos naturais necesarios para a fabricación.
  2. Produción: Os recursos naturais extraídos son utilizados para fabricar produtos.
  3. Distribución e consumo: Os produtos distribúense e póñense a disposición dos consumidores.
  4. Desboto: Cando o produto chega ao final da súa vida útil, é desbotado.
Fluxo da economía lineal

Este modelo de produción e consumo actual presenta unhas características que o fan insostible a longo prazo.

Esgotamento dos recursos
É preciso extraer grandes cantidades de recursos naturais que son finitos e, polo tanto, acabarán esgotándose se continuamos coa súa sobreexplotación.
Consumismo excesivo
Fomenta un modelo de consumo desmedido baseado na cultura de "mercar, usar e tirar".
A obsolescencia programada é unha das estratexias para estimular a demanda constantemente e reducir a vida dos produtos.
Xeneración e xestión ineficiente de recursos
Este modelo produce unha enorme cantidade de residuos que, na súa maioría, acaban en vertedoiros ou son incinerados.
Non se dá prioridade á recuperación, reciclaxe e reutilización dos materiais para darlles unha nova vida.
Impacto ambiental
O obxectivo deste modelo é maximizar o beneficio económico das empresas sen ter en conta o impacto ambiental ou social que poida ter a actividade económica.
A economía lineal ten un impacto moi negativo sobre o medio ambiente (emisión de gases de efecto invernadoiro, contaminación, produción de residuos, consumo de auga, uso de enerxías non renovables, etc.), polo que é unha das principais responsables do cambio climático e da degradación do planeta.
Desigualdade social
En moitos casos, o modelo actual provoca desigualdades e pobreza. A explotación laboral, a falta de acceso a recursos e servizos básicos, e a desigual distribución da riqueza entre individuos ou entre territorios son problemas asociados a este modelo.

É evidente que non podemos seguir actuando como se os recursos naturais fosen infinitos e a Terra non estivese en perigo polos efectos da nosa actividade económica. É necesario e urxente que a sociedade aposte por un modelo de produción e consumo responsable, fundamentado nunha economía verde e circular.

“Si la felicidad dependiera del nivel de consumo, deberíamos ser absolutamente felices. Documental Comprar, tirar, comprar. Cosima Dannoritzer, 2010."

Economía circular

A Economía Circular (EC) quere eliminar os residuos nos ciclos produtivos rexeitando dous conceptos da Economía Lineal (EL): Obsolescencia Programada e Descartabilidade.

“El mundo es suficientemente grande para satisfacer las necesidades de todos, pero siempre sera demasiado pequeño para la avaricia de algunos. Mahatma Gandhi”

Hai algúns conceptos veciños que nutren este concepto.

economía verde
Estudiarase en profundidade a cotinuación
bioeconomía
Conxunto das actividades económicas que obteñen produtos e servizos, xerando valor económico, utilizando, como elementos fundamentais, os recursos de orixe biolóxica, de maneira eficiente e sostible. O seu obxectivo é a produción e comercialización de alimentos, así como de produtos forestais, bioprodutos e bioenerxía, obtidos mediante transformacións físicas, químicas, bioquímicas ou biolóxicas da materia orgánica non destinada ao consumo humano ou animal e que impliquen procesos respectuosos co medio, así como o desenvolvemento dos contornos rurais.
simbiose industrial
A simbiose industrial é un fenómeno no que dúas ou máis empresas se benefician mutuamente a partir do intercambio de residuos ou subprodutos para utilizalos como insumos.
C2C (Cradle to Cradle) ou berce a berce
Paradigma de deseño de economía circular que imita á natureza: o residuo dun sistema convértese en nutriente para outro.

Cabe destacar que, ao ser unha disciplina relativamente nova, aínda non chegamos a un acordo sobre unha definición global de EC, xa que aínda non existe un órgano rector mundial nin un consenso xeneralizado arredor desta definición.

DEBATE- Pensar que é viabel o modelo de economía circular? Cales cres que son os principais obstáculos, e cómo se poderían superar?
DEBATE. Cancelas cos ferros do colchón. Feismo ou exemplo de economía cirular no rural? Artigo do diario El País.
AUDIVISUAL.
A Economía Circular en 4 minutos! E en 2 minutos!

As 7R da economía circular

Das 3R do consumo ecolóxico (reducir, reutilizar e reciclar) vaise ampliando cos anos ata chegar as 7R da economía circular.

Estrategias-economia-circular-7R.JPG

Obsolescencia programada

Residuos UE.png

Práctica comercial consistente na fabricación de produtos cunha vida útil limitada ou xerando artificialmente a necesidade de mercar produtos sustitutorios innecesariamente; económicamente a curto prazo é beneficioso para as empresas porque aumentan as ventas e os ingresos, pero e perxudicial para consumidores e para o medioambiente cun consumo de recursos innecesarios.

CURIOSIDADE. 
Foi Clifford Brooks Stevens o que acuñou o termo obsolescencia programada. Este deseñador industrial a definiu como "o desexo do consumidor de ter algo un pouco máis novo, un pouco mellor e un pouco antes do necesario."

E froito da actual sociedade capitalista, na que a cidadanía desexa ter sempre máis consumibles nunha procura dunha felicidade que non acaban de atopar.

Hai varios tipos de obsolescencia programada:

  • Funcional. Cando un produto pasa a estar limitado polo sistema operativo, non permitindo novas actualizacións, ou raletizándose e funcionado de xeito limitado tras unha actualización
  • Planificada. Programando unha vida útil máis limitada desde a súa fabricación, o que fará que tras un número de usos deixe de funcionar.
  • Por defecto. Cando unha peza rompe, se avería ou se esgota, non se pode reemplazar, facendo necesario cambiar o produto ao completo.
  • Incompatible. Non permite o seu uso interoperable con outros fabricantes, ou con versión anteriores ou posteriores do produto.
  • Psicolóxica. Marketing agresivo ofertando novos produtos que en apariencia dan novas funcionalidades, pero resultan ser máis unha cuestión de atraer o cliente coa exclusividade do último modelo.
AMPLIACIÓN.
Neste traballo tes máis información no punto terceiro sobre tipos de obsolescencia programada.

A Unión Europea está lexislando o dereito a reparar, obrigando aos fabricantes a reparar un produto por un precio e prazo razonables tralo fin da garantía; facilitando acceso a pezas de recambio, información e ferramientas relacionadas coa reparación para os consumidores; e dando incentivos para optar pola reparación, como vales e fondos.

Compra solamente lo necesario, no lo conveniente. Lo innecesario, aunque cueste un solo centimo, es caro. Lucio Anneo Séneca

Economía verde

Na Conferencia das Nacións Unidas sobre o Desenvolvemento Sustentable (Río+20), a Economía Verde foi recoñecida como unha ferramenta para acadar un desenvolvemento sustentable social, económico e ambiental. O Programa da ONU para o Medio Ambiente (PNUMA) definiu a Economía Verde como "aquela economía que resulta nun maior benestar humano e equidade social, reducindo significativamente os riscos ambientais e as escasezas ecolóxicas". Na súa expresión máis simple, unha Economía Verde pode considerarse como aquela que é baixa en carbono, eficiente en recursos e socialmente inclusiva.

RESUMO. A economía verde e aquela que mellora o benestar humano e a equidade social á vez que reduce os  riscos ambientais e a escaseza ecolóxica.

A economía verde caracterízase por baixas emisións de carbono, polo uso eficiente dos recursos e por ser socialmente inclusiva.

A Green Economy Coalition estableceu unha serie de principios, prioridades e vías para lograr unha economía verde, que contan co respaldo de importantes organismos internacionais como as Nacións Unidas (ONU), o Organismo para a Cooperación e o Desenvolvemento Económico (OCDE) ou a Organización Internacional do Traballo (OIT), entre outros

ACTIVIDADE. Calcula a túa pegada de carbono. 

Obxectivos

A economía verde persegue varios obxectivos fundamentais para lograr unha transformación positiva e sustentable da economía actual.

caption


Sustentabilidade ambiental
implica protexer e conservar o medio ambiente, reducir a contaminación e promover as enerxías renovables.
Desenvolvemento económico inclusivo
promover un crecemento económico que beneficie a todas as persoas, creando empregos verdes e sustentables e fomentando a innovación.
Uso eficiente dos recursos
empregar de forma responsable os recursos ecosistémicos, evitando a xeración de residuos innecesarios e optimizando o consumo de enerxía e materiais.
Responsabilidade social
garantir a equidade social, o respecto dos dereitos humanos, a participación cidadá, a inclusión de comunidades vulnerables e asegurar condicións laborais xustas.
Resiliencia e adaptación ao cambio climático
emprender políticas e medidas que permitan que as sociedades e as economías se adapten aos desafíos climáticos.

Outros obxectivos que procura acadar:

Erradicar a pobreza
favorecendo o reparto equitativo da riqueza e das oportunidades. A creación de emprego e o impulso da innovación deben xerar un crecemento económico do que se beneficien todas as persoas
Apostar pola eficiencia enerxética
empregando os recursos naturais de xeito eficiente e sostible, xerando menos residuos e optimizando o consumo de enerxía e materiais
Empregar enerxías renovables
reducindo emisións de CO2 e gases de efecto invernadeiro
Compromiso das entidades públicas
dotando recursos a adopción de medidas para loitar co cambio climático
Buscar o benestar da sociedade
Compaxinando o desenvolvemento socioeconómico, e apostando polos investimentos en educación, tecnoloxía, innovación, emprego verde e sostible

Principios

Os principios básicos dunha economía verde para acadar os obxectivos de desenolvemento sustentable son:

Tendencias

As principais tendencias da economía verde son:

  • Enerxías renovables
  • Consumo responsable
  • Movilidade sostible
  • Agricultura sostible
  • Infraestruturas verdes
  • Cultura empresarial verde
  • Economía circular

Beneficios da economía circular e verde

Estes son, entre outros, os beneficios para o medio natural:

  • Diminución no uso de recursos enerxéticos e naturais
  • Mellora da eficiencia enerxética
  • Redución da dependencia dos combustibles fósiles
  • Descenso da emisión de gases de efecto invernadeiro
  • Menor xeración de residuos
  • Prorización no desfrute de servizos no canto de posesión de artigos
  • Productos fabricados máis durareiros e sostibles: reutilizables, reparables e reciclables
  • Aposta polo ecodiseño
  • Creación de novos nichos de emprego de calidade
  • Crecemento da competitividade das empresas
  • Mellora da calidade de vida das persoas consumidoras
  • Menor dependencia de terceiros países
  • Minimización da pegada ecolóxica
  • Protección da biodiversidade e menor presión sobre o medioambiente

Diferencias e semellanzas entre a economía circular e a vede

As dúas´do mesmo xeito:

  • abogan por invertir en innovación e tecnoloxía como vía para acadar un desenvolvemento sostible
  • buscan a transición ecolóxica e a descarbonización para reducir as emisións e loitar contra o cambio climático
  • posiblitan novos perfís profesionáis e empregos asociados o desenvolvemento sostible e á conservación da biodiversidade

Mais a economía verde está centrada nas consecuencias sobre o medioambiente mentres que a economía circular está no ciclo de vida dos produtos; e a primeira reclama máis orzamento público, e a segunda máis cooperación entre axentes socioeconómicos.

O ecodeseño

Metodoloxía que busca reducir os efectos medioambientais da fabricación de produtos e propiciar o cambio hacia unha economía cirucular.

A norma ISO 14006 define o ecodeseño no desenvolvemento de produtos coma o conxunto de procesos que reducen o impacto ambiental ao longo do ciclo de vida dos produtos.

Estratexias e principios

Os principios nos que se basea o ecodeseño son:

  • Deseño que axude a creación dun produto óptimo
  • Selección de materiais máis sostibles
  • Diminución do uso de materiais
  • Melloras
  • na produción
  • na distribución
  • Uso máis sostible
  • Melloras
  • no ciclo de vida
  • relacionadas co final da vida do produto

TABOA MCGRAHWILL 68

Beneficios do ecodeseño

Algúns dos beneficios de implantar o ecodeseño na empresa son:

  • Beneficios económicos derivados das posibilidades que ofrece de reducción de costes, mellora do acceso a financiación e aumento da competitividade
  • Fomento da innovación, a creatividade e a busca de novos modelos de negocio
  • Mellor cumprimento da legalidade medioambiental adiantándose a regulacións futuras e evitando sancións
  • Mellora da imaxe pública da empresa e as súas marcas
  • Maior motivación do persoal da empresa

Etapas no proceso de ecodeseño

A selección dunha solución de deseño determinada buscará un compromiso entre as consideracións ambientáis, técnicas, de calidade, de seguridade e económicas.

O proceso debe seguir estas etapas:

  1. Definir as funcións do produto
  2. Determinar os aspectos medioambientais que se terán en conta (requisitos de materiais, enerxía, emisións,...)
  3. Identificar estratexias de mellora ambiental do produto
  4. Fixar obxectivos ou metas ambientais
  5. Especificar o produto con consideracións ambientais
  6. Desenvolver solucións técnicas (deseño definitivo)

Análise do ciclo de vida

Os bens e servizos que consumes e utilizas teñen, na maioría dos casos, un impacto importante sobre o medio ambiente. Este impacto prodúcese ao longo de todo o ciclo de vida do produto.

Actualmente, a sociedade cada vez é máis consciente da necesidade de establecer un modelo de produción e consumo máis responsable, polo que as empresas necesitan ferramentas que lles axuden a mellorar o desempeño ambiental dos seus procesos e produtos. Unha desas ferramentas é o análise do ciclo de vida.

O análise do ciclo de vida (ACV) é unha metodoloxía que analiza e avalía os impactos ambientais asociados cun proceso, produto ou servizo durante todas as etapas do seu ciclo de vida, co obxectivo de implementar estratexias para a redución destes impactos.

Etapas do ciclo de vida dun produto

As etapas polas que pasa un produto ao longo do seu ciclo de vida inclúen a extracción e procesamento de materias primas, a produción, o transporte e distribución, o uso e o final da súa vida útil.

  1. Obtención de materias primas: Engloba todas as actividades de extracción e adquisición das materias primas, incluíndo o transporte previo á produción.
  2. Produción: Inclúe as actividades necesarias para transformar as materias primas e enerxías en produto final.
  3. Distribución: Nesta etapa lévase a cabo a comercialización, loxística e transporte do produto final ao cliente.
  4. Uso e mantemento: Comprende a utilización, reparación, reutilización e mantemento do produto ao longo da súa vida útil.
  5. Final de vida útil: Cando o produto xa non serve, o usuario despréndese del e acabará reciclándose ou rematará en vertedoiros ou incineradoras.

En cada unha destas etapas prodúcese unha serie de entradas no sistema (materias primas, enerxía) e de saídas (liberación de emisións de gases e substancias, residuos, enerxía, etc.) que supoñen un impacto no medio ambiente.

Os impactos ambientais clasifícanse en categorías. Cada etapa do ciclo de vida do produto pode producir impactos en varias categorías.

Algúns exemplos de categorías de impactos ambientais son:

  • Quecemento global: emisión de gases de efecto invernadoiro en algunha das fases do ciclo de vida do produto.
  • Acidificación do solo e da auga, ocasionada tamén pola emisión de gases.
  • Eutrofización: crecemento excesivo da poboación de algas orixinado por un enriquecemento artificial das augas como consecuencia do emprego masivo de fertilizantes e deterxentes, que provoca un alto consumo de osíxeno da auga.
  • Redución da capa de ozono: efectos negativos sobre a capacidade de protección fronte ás radiacións ultravioletas solares.
  • Consumo de materias primas e de recursos enerxéticos.
  • Esgotamento da auga ou dos combustibles fósiles.
  • Toxicidade terrestre e da auga.

A ACV basease na recopilación das entradas (consumo de recursos) e saídas (emisións) que se producen en cada fase para obter uns resultados que identifiquen e cuantifiquen os impactos ambientais. Con esta información definirase como reducilos para conseguir que o ciclo de vida do produto sexa máis sostible.

ACV-entradas-e-saídas.PNG

O ACV debe identificar e cuantificar as entradas (enerxías e materiais) que se consumen en cada fase, e as saídas (emisións, residuos, vertidos, etc.) que se producen en cada etapa, para determinar o impacto que estas entradas e saídas teñen no medio ambiente e identificar oportunidades de mellora.

Tipos de análise

Existen distintos tipos de análise, en función do seu alcance:

  1. De porta a porta (Gate to gate): Só se analiza o que ocorre na fábrica, dende que chegan as materias primas até que finaliza o proceso de fabricación. Este análise é insuficiente.
  2. Da cuna á porta (Cradle to gate): O análise realízase dende a fase de extracción de materias primas até o final do proceso produtivo.
  3. Da cuna á tumba (Cradle to grave): Contempla o ciclo de vida completo do produto, dende a extracción das materias primas até o final da súa vida útil. Pode incluír tamén a xestión dos residuos xerados polo produto ao final da súa vida.
  4. Da cuna á cuna (Cradle to cradle): Este análise baséase na economía circular. Contempla dende a fase de extracción das materias primas até que, ao final da súa vida útil, os produtos e os seus materiais se recuperan e reincorporan ao proceso produtivo.

Metodoloxía do ACV

O marco de referencia metodolóxico da análise do ciclo de vida está baseado nas seguintes normas ISO:

  • ISO 14040:2006. Análise do ciclo de vida. Principios e marco de referencia.
  • ISO 14044:2006. Análise do ciclo de vida. Requisitos e directrices.

Como pode observarse no gráfico, as catro fases da análise do ciclo de vida non seguen un proceso estritamente lineal, senón que, a medida que imos avanzando e obtendo datos, podemos volver á etapa anterior para realizar modificacións e ampliar información. Así mesmo, a interpretación dos resultados realizarase de forma continua en cada unha das fases.

O proceso de análise do ciclo de vida é complexo, polo que debe ser realizado por profesionais, que utilizan para elo ferramentas de software especializadas e bases de datos específicas das que obteñen a información necesaria.

A continuación explícase, de forma resumida, cada unha das fases do análise do ciclo de vida.

Fase 1. Definición de obxectivos e alcance

Na definición de obxectivos e alcance debe incluírse, de forma clara, a seguinte información:

  • Identificación: quen realiza o estudo.
  • Razóns: por que se realiza o estudo e tipo de información que se quere obter.
  • Aplicación prevista: para que servirá. Algunhas das posibles aplicacións do ACV son: deseño e mellora de produtos (ecodeseño), mellora dos procesos de produción, etiquetado ambiental de produtos, marketing ambiental, declaracións ambientais (autoimpostas ou que teñen unha finalidade de certificación), planificación estratéxica, compras públicas e privadas sustentables, etc.
  • Destinatarios: quen vai utilizar o informe ou facelo público para clientela, administracións públicas, organizacións industriais, etc.

En canto ao alcance, deben definirse, entre outros, os seguintes conceptos:

  • Sistema: que se vai analizar, identificando todas as etapas do proceso e funcións que se estea a analizar (características dos produtos e servizos que se estudan).
Exemplo.

Para analizar o ciclo de vida dun produto físico, como un automóbil, o sistema comprenderá non só o automóbil tal e como se pon no mercado, senón tamén todos os compoñentes que serán necesarios ao longo de toda a súa vida útil (cambios de pneumáticos, litros de combustible, filtros de aceite ou auga e aceite, litros de aceite, etc.)

  • Unidade funcional: é unha medida estandarizada que representa e cuantifica a función principal do produto. Esta unidade permite comparar o impacto ambiental de diferentes opcións ao normalizar os resultados en función dunha cantidade. A unidade funcional pode ser de tipo físico (unha lavadora, un automóbil, un envase, etc.) ou de tipo funcional (1 m² de superficie, 100 horas de iluminación, etc.)
Exemplo.
  • Se queremos comparar dous deterxentes, a unidade funcional poderá ser de tipo físico (1 kg de deterxente) ou de tipo funcional (lavar 1000 kg de roupa de algodón).
  • Para comparar o impacto ambiental de dous vehículos, a unidade funcional pode ser o vehículo ao percorrer, por exemplo, 100 km.
  • Se se quere comparar unha bolsa de plástico con unha de papel de 5 kg e unha bolsa de tea con capacidade para 10 kg, a unidade funcional pode ser 10 kg de capacidade (bolsas de plástico ou unha de tea).
  • Límites do sistema: deben determinar os procesos do ciclo de vida obxecto de estudo. Indicarase se se realizará unha análise de todas as fases do ciclo de vida (de cuna a tumba ou de cuna a cuna) ou se se exclúe algunha etapa (de porta a porta ou de cuna a porta). Tamén haberá que establecer outros límites (temporais, xeográficos, entradas e saídas que non se terán en conta por falta de relevancia, etc.).
Exemplo.
A continuación, veremos un exemplo de definición de obxectivos e alcance dun ACV no que se comparan dous aparatos de secado de mans, un mediante toallas de papel e outro de secado ao aire.
  • Obxectivos: Comparar o impacto ambiental de secadores de mans con diferente tecnoloxía: secado de man con toallas de papel e secado de mans por aire quente.
  • Alcance: analizarase todo o ciclo de vida do produto obxecto de estudo: materias primas, fabricación, transportes intermedios, uso (aspectos de funcionalidade e consumibles como o papel e electricidade) e final da súa vida útil.

O sistema está formado por aparatos co uso principal de secado de mans en baños públicos e, en seu caso, con los consumibles necesarios (toallas de papel). A unidade funcional será secar un par de mans ou secar 350.000 pares de mans.

Fase 2. Análise do inventario do ciclo de vida

Consiste en cuantificar e rexistrar os datos referentes ás entradas (consumos de enerxía e materiais) e ás saídas (emisións ao aire, auga, solo, xeración de residuos, etc.) dos diferentes procesos que se desenvolven en cada unha das etapas do ciclo de vida, tomando como referencia a unidade funcional.

Para recompilar os datos de todos os procesos involucrados recoméndase realizar un diagrama de fluxo no que se representen graficamente todos os procesos, identificando as entradas e saídas que se producen en cada etapa.

Para realizar o inventario do ciclo de vida pódese facer uso de datos primarios (obtidos directamente no proceso) ou secundarios (estatísticas, bases de datos especializadas, etc.).

Os datos deberán vir expresados na unidade de medida correspondente. Por exemplo, os materiais utilizados mediranse en gramos ou quilogramos, o consumo de electricidade en kilovatios/hora, o consumo de auga en litros, etc.

Fase 3. Avaliación do impacto do ciclo de vida

Nesta fase analízanse os resultados do inventario para identificar e cuantificar os efectos potenciais que as entradas e saídas do sistema teñen sobre o medio ambiente.

Esta avaliación desenvólvese en diferentes etapas. Os elementos obrigatorios en esta fase da avaliación do impacto son os seguintes:

1. Selección de categorías de impacto ambiental e indicadores. Exemplo: nun ACV dun produto decídese obter resultados das seguintes categorías de impacto:

  • Quecemento global: gases de efecto invernadoiro. Medirase en quilogramos de CO₂ equivalentes (kg CO₂ eq.).
  • Esgotamento da auga: consumo de auga. Medirase en litros ou en m³.

2. Clasificación. As entradas e saídas do inventario asígnanse a cada categoría de impacto segundo o tipo de efecto ambiental que se espera que provoquen. Consiste en agrupar os datos de entradas e saídas asociándoos cunha ou varias categorías de impacto ambiental. Exemplo: as emisións de dióxido de carbono e metano que se xeran no ciclo de vida do produto asígnanse á categoría de quecemento global e o consumo de auga á de esgotamento da auga.

3. Caracterización. Nesta etapa os datos do inventario cuantifícanse considerando o grao en que cada entrada ou saída contribúe ao impacto ambiental correspondente, xa que non todos os materiais nin todas as emisións teñen o mesmo impacto. Para cada categoría calcúlase o resultado do indicador de impacto, que serve para cuantificar o impacto ambiental que ten un produto. Para iso, adoita facerse uso da información contida en bases de datos especializadas.

Plantilla:Caixa destacada

Fase 4. Interpretación de resultados

Nesta fase interprétanse os resultados obtidos nas fases anteriores e extráense as conclusións máis relevantes, tendo en conta os obxectivos e o alcance definidos na primeira fase.

Resumo

  • O sistema económico lineal é o modelo tradicional
  • realízase a extración dos recursos naturais para fabricar produtos de consumo que ao finalizar a súa vida útil se convirten en residuos e se tiran
  • é un modelo insostible, con gran impacto medioambiental
  • está asociado ao consumismo, un sobreconsumo irreflexivo que empurra a adquirir bens e servizos sen valorar a necesidade real para facelo
  • A economía circular é un sistema produtivo e de consumo que procura alargar a vida dos recursos, reducindo os residuos que xeneramos e as materias primas que consumimos
  • Basease en conservar, protexer e cuidar os recursos naturais para favorecer a súa rexeneración optando por
  • as enerxías renovables
  • erradicar os combustibles fósiles
  • aumentar a vida dos produtos (facilitando a súa reparación, reutilización ou reciclado)
  • favorecer decisións sobre produción e consumo que supoñan un uso eficiente dos recursos
  • fálase das 7R: redeseñar, reducir, reutilizar, reparar, renovar, recuperar e reciclar
  • a pegada ecolóxica é un indicador que mide o impacto da nosa forma de vida no medioambiente.
    é un índice de sostenibilidade de ámbito internacional
  • A economía verde é aquela que resulta nun mellor benestar e equidade social reducindo significativamente os riscos ambientais e as escaseces ecolóxicas
  • os seus obxectivos son:
  • erradicar a pobreza
  • propiciar o uso de enerxías renovables
  • acadar o benestar da sociedade
  • a obsolescencia programada é unha práctica comercial que consiste en fabricar un produto de xeito que teña unha vida útil limitada
  • obriga a substitucións innecesarias aumentando as ventas, pero sendo insostible ecolóxicamente
  • o ACV coma "a recopilación e avaliación das entradas, as saídas e os impactos ambientais potenciais dun sistema do produto a través do ciclo de vida
  • o ecodeseño no desenvolvemento de produtos coma o conxunto dos procesos que reducen o impacto medioambiental durante o ciclo de vida dos produtos.

Ampliación

Recursos audiviosuales

Referencias