Os ODS no desempeño profesional
Sumario
A sustentabilidade empresarial
Para ser social e economicamente sostibles, as empresas deben levar a cabo as súas actividades tendo en conta criterios ambientais, sociais e de gobernanza. Existe unha correlación entre sustentabilidade e rendibilidade económica, xa que as empresas que impulsan plans de sustentabilidade obteñen mellores resultados que os seus competidores a medio e longo prazo.
Estas prácticas prolongadas no tempo van posibilitar unha sustentabilidade empresarial, cun incremento notable na boa imaxe proxectada cara aos consumidores e a sociedade en xeral.
A cultura da sustentabilidade para e empresa
No momento en que se poñen en marcha políticas sostibles, a empresa debe asumir uns custos asociados a estas políticas, que supoñen unha diminución dos seus beneficios empresariais.
Posteriormente, e grazas á planificación realizada e á implantación da cultura de sustentabilidade posta en marcha, os custos van diminuíndo mentres que os beneficios económicos e sociais van aumentando considerablemente.
O traballo realizado en base a unha boa cultura sostible é capaz de propiciar panca e sinerxías altamente positivas que posibilitarán un impulso á actividade empresarial.
Para implementar esta cultura de sustentabilidade é necesario un traballo constante en todos os departamentos da empresa e é recomendable a creación dun comité de sustentabilidade que poña en funcionamento as seguintes tarefas:
- Análise dos aspectos empresariais que se deben mellorar e propostas para a súa consecución.
- Accións que se poden levar a cabo para que se produzan as melloras propostas.
- Auditorías periódicas para analizar, detectar e, se for o caso, propor variacións nas melloras.
- Creación dun ambiente favorable
- O empresario debe favorecer un ambiente saudable e un sentimento de pertenza ao grupo.
- Capacitación dos empregados
A empresa debe proporcionar aos empregados a información necesaria para levar a cabo as tarefas de forma sostible.
- Campañas de concienciación
- Os traballadores deben coñecer as accións que poden realizar para aumentar a sustentabilidade empresarial.
Ventaxas da sustentabilidade empresarial
Ao poñer en marcha un plan de cultura de sustentabilidade, as organizacións empresariais non deben priorizar o aspecto económico, aínda que se terá en conta para o seu posterior funcionamento, senón que debe prevalecer a toma en consideración dos factores ambientais, sociais e de gobernanza.
O éxito empresarial depende en gran medida da relación existente entre a organización empresarial e o medio ambiente, así como da relación que se mantén coa poboación. Por tanto, á hora de levar a cabo o citado plan, é necesario incluír no proxecto variables sociais e ambientais, e non limitarse simplemente ás variables económicas.
As empresas, por tanto, atoparán multitude de vantaxes ao desenvolver un plan de cultura de sustentabilidade, entre as que destacan as seguintes:
- Aumento de clientes e consumidores potenciais concienciados cos produtos e servizos de empresas sostibles.
- Redución dos custos empresariais ao poñer en marcha recomendacións e políticas incluídas nos obxectivos de desenvolvemento sostible.
- Aumento do valor da imaxe de marca.
EXEMPLO. As empresas sostibles son aquelas que reducen os custos da empresa mediante políticas ecolóxicas, como poden ser utilizar fontes de enerxía renovables.
Para a empresa, por tanto, é recomendable aplicar un plan de cultura de sustentabilidade e instaurar accións que favorezan a súa relación co medio ambiente, así como as relacións sociais cos contornos locais e globais, a través de estratexias que previamente deben ser analizadas para comprobar se se adaptan ou non á súa organización, e realizar unha predición do beneficio, sexa económico, social ou ambiental, que pode lograr a acción programada.
ACTIVIDADE. Unha organización empresarial, ao implantar un plan de cultura de sustentabilidade, pon en marcha unha serie de mecanismos e resortes que afectan aos distintos espazos na procura de diferentes efectos. Na consecución dos beneficios que a continuación se enumeran, realiza unha breve exposición de medidas que se poderían implementar para que se producisen os efectos desexados: a) Un control de consumo enerxético máis eficiente. b) Utilización de medios de transporte máis sostibles. c) Unha xestión óptima dos recursos xerados pola empresa. d) Colaborar activamente con empresas locais e levar a cabo accións sociais.
INTERESANTE. A Cámara de Comercio de España ofrece, a través do Programa de Sostibilidade para Pemes, axudas para actuacións relativas á eficiencia enerxética, a medición da pegada de carbono, a economía circular e a Axenda 2030.
Os ODS
Os 17 Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) en galego son:
- ODS1. Fin da pobreza
- ODS2. Fame cero
- ODS3. Saúde e benestar
- ODS4. Educación de calidade
- ODS5. Igualdade de xénero
- ODS6. Auga limpa e saneamento
- ODS7. Enerxía accesible e non contaminante
- ODS8. Traballo digno e crecemento económico
- ODS9. Industria, innovación e infraestrutura
- ODS10. Redución das desigualdades
- ODS11. Cidades e comunidades sostibles
- ODS12. Produción e consumo responsables
- ODS13. Acción polo clima
- ODS14. Vida submarina
- ODS15. Vida de ecosistemas terrestres
- ODS16. Paz, xustiza e institucións sólidas
- ODS17. Alianzas para acadar os obxectivos